Quantcast
Channel: Literatura insólita – Criticalia
Viewing all articles
Browse latest Browse all 22

Amores literarios

$
0
0

Andamos xa estreando febreiro e en nada sentiranse voar polo aire as frechas de Cupido, que na tradición occidental moderna ten na conmemoración do día de San Valentín a súa festa maior. Con esta escusa quero hoxe traer aquí o lembradoiro daqueles que viviron por xunto o mundo da escrita, autoras e autores que compartiron non só a palabra, senón os afectos.

As relacións amorosas entre escritores teñen sido, dende sempre, abondo frecuentes. Talvez a explicación a este feito haxa que procurala na especial complicidade artística que entre estes creadores se produce, pois, á fin, viven un mesmo mundo, compartindo angueiras e ilusións literarias.

Son numerosos os exemplos dos que mantiveron relacións estables entre si. Cinguíndonos á historia máis recente, a dos séculos XIX e XX, foron célebres os amores entre Mary Godwin Wollstonecraft (Shelley de casada) e Percy Bysshe Shelley. Tan intenso foi o seu amor que, logo de morto Shelley por mor dunha terrible tormenta mentres navegaba nun veleiro, Mary, antes de incinerar o seu corpo e ciscar as cinzas nunha praia italiana, como el deixara pedido, mandou que lle extraesen o corazón e gardou con ela a reliquia ata a súa propia morte, que aconteceu vinte e nove anos despois.

No século XX os exemplos multiplícanse, pero por citar só algúns dos máis coñecidos velaí están as unións da poeta estadounidense Sylvia Plath e o inglés Ted Hughes (que acabaron tan tristemente, pois ela suicidouse inhalando gas da

cociña cando el a deixou pola tamén poeta Assia Wevill), da libérrima relación entre os franceses Jean Paul Sartre e Simone de Beauvoir (parella aberta que mesmo chegou a compartir amante) ou da turbulenta paixón da francesa Anais Nin e o neoiorquino Henry Miller e, xa na Península, dos amores entre Zenobia Camprubí e Juan Ramón Jiménez, Rafael Alberti e María Teresa León ou os narradores Rafael Sánchez Ferlosio e Carmen Martín, entre moitos outros.

Tormentosas e apaixonadas en extremo teñen sido as relacións do maduro Verlaine co mozo Rimbaud (que acabou co primeiro no cárcere por lle pegar un tiro ao segundo) ou o amor entre o narrador inglés Eduard Morgan Forster e o poeta Richard Ackerley. Igualmente, da paixón entre escritoras son testemuña os complicados e avoltos triángulos amorosos vividos entre Virginia Woolf, Vita Sackville-West e Violet Trefusis (novelados pola primeira no seu Orlando) ou entre Djuna Barnes, Natalie Barney e Renée Vivien, dos que fica abonda correspondencia.

Xa non de tempestuosos, senón de curiosos, cómpre cualificar os amores de Louise Colet, escritora de moderado talento que mantivo relacións con Alfred de Musset, Alfred de Vigny e Gustave Flaubert e que gañou en varias ocasións o premio de poesía da Academia Francesa mercé aos textos que estes escribían para ela. Sábese que nunca ocasión pechou nun cuarto a Bouilhet e Flaubert e non os deixou saír ata que lle prepararon para o concurso os preceptivos douscentos versos, que estes copiaron dun libro de Lamartine, pero que, para sorpresa de propios e alleos, foron galardoados igual, sen que ninguén se decatase do forzado plaxio.

Na mesma liña de amoríos complexos está o de Ford Madox Ford e Violet Hunt, que eran amantes e querían ser máis, pero tiñan como obstáculo o feito de que el estaba xa casado, o que non os arredou para celebraren un remedo de voda oficiado por un ex-sacerdote, o que acabou cunha denuncia da esposa que levou a Ford uns días ao cárcere e a Hunt a ter que pór terra por medio e marchar do país.

En fin, a lista de amores insólitos podería ampliarse grandemente con casos como o de Sidonie-Gabrielle Colette, casada de adolescente cun vividor parisino chamado Henry Gauthier-Villars, autor de segunda que a aguilloaba para que escribise obras que logo el asinaba, unha escritora que non comezaría a brillar ata que, cansa de aturar infidelidades e burlas, se separou do indesexable esposo.

No extremo contrario, por poñer un só exemplo, estaría a parella formada pola escritora irlandesa Iris Murdoch e o novelista e crítico John Bayley, quen coidou dela tenramente ata que esta desapareceu logo de convivir durante anos co alzheimer e a quen dedicou dous libros lembrando a súa vida xuntos: Iris: memorias de Iris Murdoch e Elexía para Iris.

Compartindo verbas e afectos

Tamén na historia da literatura galega hai casos de famosas unións entre escritores. Paradigmática sería a de Manuel Murguía e Rosalía de Castro, que compartiron vida e escrita fundando a nosa literatura moderna. E, mais contra os nosos días, aí o está o amor entre Xosé Neira Vilas e Anisia Miranda, quen coasinaron diversos textos e viviron por xunto iniciativas literarias de todo xorne. Igual de memorable é a romántica paixón que alentou entre Luz Pozo Garza e Eduardo Moreiras, que mesmo foi novelada nalgunha ocasión, e, felizmente contempladas, tamén as unións actuais dos poetas e narradores Helena Villar Janeiro e Xesús Rábade Paredes ou Xoán Babarro e Ana María Fernández, por amentar só algúns exemplos.

[Faro de Vigo, 1-2-2018]


Viewing all articles
Browse latest Browse all 22

Latest Images

Vimeo 10.7.0 by Vimeo.com, Inc.

Vimeo 10.7.0 by Vimeo.com, Inc.

HANGAD

HANGAD

MAKAKAALAM

MAKAKAALAM

Doodle Jump 3.11.30 by Lima Sky LLC

Doodle Jump 3.11.30 by Lima Sky LLC

Doodle Jump 3.11.30 by Lima Sky LLC

Doodle Jump 3.11.30 by Lima Sky LLC

Vimeo 10.6.2 by Vimeo.com, Inc.

Vimeo 10.6.2 by Vimeo.com, Inc.

Vimeo 10.6.1 by Vimeo.com, Inc.

Vimeo 10.6.1 by Vimeo.com, Inc.





Latest Images

Vimeo 10.7.0 by Vimeo.com, Inc.

Vimeo 10.7.0 by Vimeo.com, Inc.

HANGAD

HANGAD

MAKAKAALAM

MAKAKAALAM

Doodle Jump 3.11.30 by Lima Sky LLC

Doodle Jump 3.11.30 by Lima Sky LLC

Doodle Jump 3.11.30 by Lima Sky LLC

Doodle Jump 3.11.30 by Lima Sky LLC

Vimeo 10.6.1 by Vimeo.com, Inc.

Vimeo 10.6.1 by Vimeo.com, Inc.